3 de febrero de 2009

Voltas Cicloturistas Populares á Comarca do Deza (1987-1996)

Pedaleaba (non corría) o ano 1987, e un fato de rapaces de Lalín, aficionados ó deporte e máis concretamente ás bicis -estábamos en pleno paroxismo Alvaropinista- decidimos desfruta-lo verán emulando ós nosos ídolos, e collimos pintura para as marcas viais, un R-5 os primeiros anos e un R-11 despois, prestados por uns confiados proxenitores, un cronómetro-calculador Casio e as nosas bicis (o que a tiña, o que non, pediuna)... e botámonos á estrada. Así naceron as

Voltas Cicloturistas Populares á Comarca do Deza

que se definiron coma unha competición lúdica e turística para todos aqueles que quixeron tomar parte dela, coas súas etapas variadas (contra-reloxios, por equipos, etapas-raíña, etc, polos arredores de Lalín), as súas reñidísimas clasificacións -xeral, por equipos, regularidade, metas voantes, chámalle X (metas voantes para os "non cabezas de equipo", combatividade (ós que máis veces chegaron últimos), e toda a parafernalia -á nosa maneira-, dende azafatas ata patrocinadores. Que non se diga que non éramos apañados.

O caso e que a proba, cunha moi aceptable participación dada a precariedade de medios, veuse celebrando durante 9 edicións consecutivas, e cunha despedida (a 10ª) a xeito de "Clásica de un día" que tivo lugar nas festas de Lalín do 96 e que foi o punto de partida para que os mozos -xa uns homiños- que a organizaban se despediran do evento ó teren que atender a outros asuntos... (a idade adulta coas súas esixencias veu a estragalo todo, coma case sempre).

Mirando atrás agora a aqueles tempos, lembro moitas tardes de agradables carreiras-paseo coa pandilla, mil bromas, percances, pinchazos, corredores que se perdían... e por suposto, toneladas de diversión e competitividade entre amigos, que me parecía unha mágoa non recuperar, e que por dito motivo aquí vos ofrezo coma uns impagables documentos gráficos, que dan fe duns tempos nos que os adolescentes eran máis inocentes, as estradas tiñan máis baches e menos coches, a xente nos pobos se paraba a ver pasar e vitorear a uns rapaces que subían A Rocha en bici -aínda que non tiveran nin idea de quenes eran e porqué estaban alí-, e todos nós éramos, en definitiva... un pouquiño máis nenos.

Así pois, e coa esperanza de que os que eiquí aparecen nas fotos conserven aqueles recordos, de que os que non os viviron saiban algo de cómo nos divertíamos os rapaces naqueles marabillosos anos, e en definitiva, por simple afán de difusión e conservación, déixovos as devanditas fotos para quen as queira ver ou gardar... así como aproveito para pedirvos que se tedes algo que comentar, algún nome, lugar ou dato que aportar, algunha corrección que facer á reportaxe... ou calquera troulada que se vos veña ó caletre... por favor, non dubidedes en deixar comentarios nas fotos ou eiquí mesmo... ou se coñecedes a quen lle poidan interesar, non vos cortedes en facerllas chegar.

Mil gracias a todos.

Pitu.



Fotografías realizadas, escaneadas e compiladas por J. C. Iglesias Loureiro (Buti), e ofrecidas por un servidor. Esta reportaxe está adicada á memoria de dous grandísimos amigos e mellores persoas que un bon día "demarraron" e se "escaparon" do pelotón: Checho e Vicente: Sempre vos levaremos connosco onde vaiamos.


3 comentarios:

XMMeijome dijo...

Agora que estou algo reposto vou a entrar a puntualizar.

O coche das primeiras edicions foi un R-5 (Po-xxx4-J) e o confiado ou non era o meu vello que non tiña carnet pero sí coche. O R-11 chegou no 90.

As ideas dos 'chámalle X' e a "Combatividade" son do tipo das que agora estamos a usar para o 'Circuito Correr en Galicia' para motivar á xente a que seguira participando... mais, non era moi preciso; a actividade en sí era o mellor pretexto. Qué outra cousa facer unha tarde de verán os que non tiñamos 'casa de vacacions'?.

Pasamos moitas, moitísimas... Risas, cabreos, dificultades; perdíase a xente, caíase...Pero non coñezo a ningúen que teña mala lembranza delo.

A adicatoria é o mellor de todo; gracias a vós.

Unknown dijo...

Certo... dinme conta despois de escribir. Mesmo creo que o coche da nai de Buti era un R-9 (¿?)

E aproveito para enviar un recordo emocionado a aquel R5 da pegata de Galiza... non esquencerei fácilmente algunhas aventuras da época co devandito... e o 2CV Montillamóvil!!! e o fosforito de David... Aínda vai resultar que as aventuras de todos eran sempre nos coches duns poucos!!! jajaja.

Anónimo dijo...

Qué recordos. Que toliños estabamos. Bendita tolemia. Nas edicións nas que participei paseino en grande. Quédame ademáis o recordo de Vicente Agulló gran deportista e gran persoa.
Gracias a esta carreira engancheime ao ciclismo pra sempre. Un saúdo.